Tiña pensado limitar este artigo a unha simple pregunta retórica. Unha pregunta que me leva rondando a cabeza desde o venres, e que non conseguín respostar en todo o fin de semana a pesar dos varios telexornais e algún medio escrito que consultei sábado e domingo: pero que diaño foi o que se aprobou no Cumio de Bruselas da pasada semana para que algúns falen de 'acordo histórico' ou inclusive da 'refundación da UE'? Para máis inri, a crise que está a atravesar o xornalismo está levando o nivel das análises políticas e económicas nas principais cabeceiras españolas ao mero hooliganismo: nin a máis mínima referencia ao significado das medidas tomadas e que consecuencias a curto e medio prazo poden ter para solucionar a crise do euro (máis aló do cen veces repetido 'abre la puerta a la unión fiscal de Europa'), e iso si, proclamas mil dunha Nova Unión Europea que acaba de nacer, e unha chea de descalificacións a UK e Cameron, que un non sabe se estaba a ler e escoitar as crónicas de economía e internacional, ou a do derbi Real Madrid - Barça (o partido do século polo cúmio do século, xa saben) onde os británicos son os malos (uns malos moi simplóns) da película.
Non foi ata o domingo pola noite que cheguei a casa e puiden conectarme a internet cando descubrin aliviado que non son o único parvo que non acaba de entender o alcance de tal xornada histórica. Repetirei esto en moitas outras ocasións e en moitos outros contextos: francamente, para atopar vida intelixente nas análises de economía e nos artigos de opinión hai que irse cada vez máis a blogs e páxinas de referencia a nivel internacional, e cada vez menos a uns medios de comunicación en crise, completamente entregados ao poder político (onde quedou a 'independencia' do cuarto poder?), o consumo rápido, baixos custos, titulares alarmistas e investigación cero.
Así pois, se uns falan de cumio histórico, esto é o que outros opinan:
- Annie Lowrey en NYTimes pregúntase de que van servir as medidas tomadas pola UE no realmente urxente: asegurar que todos os países da Zona Euro consigan financiarse nos mercados de débeda a tipos de xuro sostibles.
- Nun dos artigos sobre o tema máis citados en internet estes días, 'A summit to the death', o profesor de Oxford Kevin O'Rourke conclúe que os líderes europeos volven demostrar non enterarse de nada no que respecta ás crises económica, bancaria e soberana que amenazan Europa, e como tal son incapaces de resolvelas. O principal argumento de O'Rourke é que a cacareada 'unión fiscal' non é nin de lonxe tal cousa: "Rather than creating an inter-regional insurance mechanism involving counter-cyclical transfers, the version on offer would constitutionalize pro-cyclical adjustment in recession-hit countries, with no countervailing measures to boost demand elsewhere in the eurozone".
- Un argumento que repiten e aplauden desde Paul Krugman ("a terquedade dos europeos para ver nesta crise algo que non é, e respostar con accións que van profundizar aínda máis a crise, é digno de ver") ao blog de Fedea, onde á súa vez citan a Niall Ferguson da dereita británica, empregando argumentos similares ("the euro zone is about to repeat history... are going to lead to pro-cyclical fiscal and monetary policies, deepening rather than alleviating the economic contraction")
- Hai moito máis: os socialistas franceses din que 'renegociarán o novo Tratado' se gañan as eleccións francesas de aqui a 6 meses para engadir "lo que falta, es decir, la intervención del BCE, los eurobonos y un fondo de salvamento financiero" , e os mesmos que onte aplaudían efusivamente, hoxe xa son bastante máis prudentes.
E non é para menos: hoxe luns abren os mercados, e ás 11:30h o Ibex perde un 1,66%, o Eurostoxx50 case o 2%, e a prima de risco española sube 25 puntos básicos. O cumio de Bruselas consagra o Zeitgeist imposto pola Alemaña de Merkel, pero hoxe o argumento da austeridade expansiva xa non o creen nin os mercados máis implacables.


